Os humidais construídos son sistemas de depuración natural constituídos por lagoas ou canais pouco profundos (de menos de 1 m) plantados con vexetais propios das zonas húmidas e nos que os procesos de descontaminación teñen lugar mediante a circulación da auga e as súas interaccións co substrato sólido, cos microorganismos, coa vexetación e incluso coa fauna.
As súas vantaxes comparativas son as seguintes:

O investimento inicial que necesita este tratamento pode chegar a ser inferior ao 50% en comparación con outros tratamentos que actualmente se están instalando nas empresas e nos Concellos.
O mantemento é moi escaso, reducíndose a comprobacións periódicas das tubaxes e arquetas. Pode existir un bombeo de auga á cabeceira da planta e outro para a recirculación da auga, que sería o único gasto enerxético que necesitaría a instalación. Nalgúns casos pódese aproveitar a forza da gravidade e evitar a colocación dalgunha das bombas. As partes finais, con auga xa depurada, poden ter auga en superficie, para a mellora paisaxística e ecolóxica. Afórrase entre un 90% e un 100% da enerxía.
A lámina de auga está mergullada e circula por debaixo da grava, co que se evita a xeración de olores e a proliferación de insectos.
O sistema é totalmente natural e non necesita adición de produtos químicos de maneira habitual, producindo moi poucos lodos. Todo isto abarata a xestión.
Son sistemas que se integran perfectamente na paisaxe, pasando desapercibidos e fuxindo da típica imaxe que se ten de unha depuradora de auga. Aquí podemos ver un humidal instalado na bodega Pazo de Señoráns na provincia de Pontevedra:
